Vistas de página en total

sábado, 13 de junio de 2015


Nesta nova entrada dou cabida a un novo relato. As miñas experiencias académicas, axudáronme a crear este conto, onde un alumno tan brillante como introvertido, deixa pegada en moitos dos seus exames. Non obstante, esa intelixencia pode ser usada para facer o ben ou o mal. No camiño, sempre se deixan pistas, o importante é decatarse do que se programa antes de que se produza o fatal desenlace, como o que Andreas Lubitz, de 27 años, que estrelou o avión A-320 de Germanwings. Non se puido evitar este accidente coñecendo os antecedentes deste piloto?  Neste relato, onde xogo con ambiguedades, recibiu o premio da XXIII Edición Xaime Illa de Poio, na categoría relato. O Faro de Vigo publicou o seguinte recorte:

"...Juan Ramón Cancela se llevó el premio al mejor relato.El jurado destacó la originalidad y la calidad de las obras presentadas en esta edición. Entre los miembros del tribunal en la categoría de mayores de 18 años estaba la poeta Lucía Novas, galardonada en dos ocasiones con el premio Minerva."

ATENTADO CONTRA O PRESIDENTE DE GOBERNO
LUNS
Aínda que o exame de lingua galega de Oliver estaba practicamente perfecto, sen faltas e coa parte da sintaxe sen ningún erro, Natalia, profesora nova, duns trinta anos, na súa corrección detívose na pregunta que derivaba do comentario de  texto, sobre desigualdades sociais.
Oliver era un rapaz sobresaliente nos seus estudos, pero esaxeradamente introvertido. A diferenza dos seus compañeiros tiña o móbil como ferramenta formativa, de traballo, e non para estar enganchado permanentemente a el con conversas polo whatshApp estúpidas. Con dezasete anos, tiña altos coñecementos de programación informática, matemática, física e armas.  Tiña en mente estudar para piloto de aviación. Desde facía uns meses traballaba de forma individual en “Matar ao Presidente do Goberno”. Despois dun detallado estudo previo, estaba a tres días de acometer dita tarefa.
MARTES
Evaristo García, foi un destacado alumno da facultade de física da USC, porén, Oliver, considerábao un pésimo profesor.  Opinaba sobre el que era un ensinante limitado, que non dominaba a materia que impartía. Alcumábao, “Profesor da boliña”. Era un insulto común que tiña a outros docentes. Dito alcume aludía a que sacaron unha oposición pública porque tiveron sorte, unha bola que saiu dun bombo e coincidía cuns dos temas preparados para acceder á praza. Unha vez que o deus do azar xogou o seu papel, estes docentes deixan dormitar as súas neuronas, e apenas abranguen máis alá do que esixe a ensinanza secundaria.  No exame de avaliación de física,
 Oliver retou a Evaristo García no exercicio 4, de conservación do momento lineal cun comentario, que non pasou desapercibido para o veterano profesor.

Os pais de Oliver estaban orgullosos do seu fillo. Levaban as súas notas académicas como buque insignia da súa formación alá a onde ían. Non obstante, en silenzo e de portas para dentro, preocupábanse pola pouca comunicación que tiñan con el, e tamén coa filla pequena. Cursaba, cun ano de retraso, primeiro da ESO, e os seus resultados eran discretos. Máis ben malos, con cinco suspensas. Déficit de atención e dislexia estaban asociados a tan ínfimos resultados.  Mentres, o seu irmán insociable seguía adiante co programa de “Matar ao Presidente de Goberno”.
MÉRCORES
Outro exame, no que Oliver non deixou indiferente ao profesor, foi no de historia. 
Faustino, a punto de xubilarse, conservaba encima da súa mesa de corrección o magnetófono do seu pai. Este fora un coñecido republicano, que ata o día da súa morte amosara na súa alma as cicatrices dunha época non vivida, pero si loitada. E esa loita muda, o magnetófono, e o seu interese pola historia foran a herdanza que deixara ao seu fillo, que non deixou pasar por alto a resposta de Oliver na pregunta de exame sobre o “Antigo Réxime”.
 Faustino, deixou de lado a corrección, sirviuse un güisqui, e puxo a funcionar o magnetófono de seu pai. Funcionaba, pero igual de mal que sempre.
Oliver seguía co seus preparativos. Mais xa eran detalles liviáns da estratexia, como, onde se levaría a cabo o tiro, colocación de gardaespaldas con respecto ao Presidente, velocidade da comitiva no desfile, público asistente, etc. Pero eses eran pormenores que tería que lidar sobre a marcha.
XOVES
Cando o Claustro de profesorado se reuniu para  a avaliación de segundo de bacharelato, as notas de Oliver movíanse na excelencia, incluído un dez en lingua galega, onde Natalia considerou que a arma á que se refería Oliver no seu exame, era “a arma do saber”. O cinco de lingua castelá desentoaba a berros coas demais. A profesora desta materia, nunca tivo a máis mínima simpatía por Oliver. Unha empatía mutua, pois Oliver tamén a consideraba “profesora de boliña”, ademais de corta de miras.
O día “D” e hora “H” esperaba na seguinte esquina. Tan axiña como Oliver colgou na rede o xogo de “Matar o Presidente de Goberno”, unha afamada firma de videoxogos fíxose cos dereitos do programa a un prezo multimillonario.
                                                       
                                         



No hay comentarios:

Publicar un comentario